martes, 7 de febrero de 2012

Tamén fomos a un museo

Ese mesmo día do que vos falamos na entrada anterior, tamén visitamos o museo de Belas Artes, que está moi próximo á Cociña Económica. Fixemos a foto común, na entrada, e despois dividímonos en dous grupos para ir vendo os catro pisos do museo. Dentro xa, vimos no vestíbulo un xigante de madeira que parece vixiar cos seus ollos azuis todo o museo;  unha sala dedicada aos gravados de Goya; salas de pintura dos séculos XVIII, XIX e tamén a máis actual do S.XX. O que máis nos chamou a atención a case todos foron os cadros de Lugrís e un de Picasso, ademais dalgúns de Seoane, e unha rapaciña tallada  a partir dun tronco de carballo. Foi especial tamén unha escultura en madeira de Paco Pestana que parecía representar un peixe serra coas ondas do mar e que, ao xirala, tiña un son similar aos berros dos golfiños.
Despois, volta a casa

sábado, 4 de febrero de 2012

EXCURSIÓN Á CORUÑA

Onte, 4ºA, 4º B e  3ºPDC (ESO) viaxamos ata A CORUÑA, realizando unha actividade organizada por Flor, a profe de Sociais. Fixemos unha visita á cociña económica e... todos voltamos moi impactados co que vimos, oímos e sentimos. Levamos o recollido durante uns días no cole: aceite, produtos de aseo, azucre... e quedamos en volver con novas cousas que lles virán moi ben: libros e xoguetes concretamente. Así que hai que ir preparándose para achegarlles o que necesitan xa que en verdade hai moitas persoas que carecen absolutamente de todo nestes momentos.

Coincidimos, ao saír, coa cola que se forma ás 11 h. da mañá, que é a daquelas persoas que van buscar a comida para levala ás súas casas e o que máis nos sorprendeu a todos foi pensar que alí poderiamos estar calquera de nós.

Algúns datos rápidos:

-É a máis antiga de Galicia (xa leva 125 de anos, como din eles, "alimentando esperanzas") e a única de España financiada de forma privada.


-Cada día reparten 600 racións e conta con servicio de ducha e lavandería.

 -O novo perfil de usuarios hoxe en día son familias, homes que viven sós e xoves desempregados.


Sairá un artigo na nosa revista escolar para non esquecernos e tamén falaremos das outras cousas que fixemos ese día. De momento, neste blog só iso, para non mesturar, xa que o tema ben merece unha reflexión seria.