martes, 29 de diciembre de 2009

CHEGA O 2010


E este ano que comeza dentro duns días foi declarado pola ONU como "o ano internacional do achegamento das culturas".

Baixo o lema "Unha Soa Cultura" conmemorarase o 400 aniversario da obra de Galileo "Sidereus Nuncius" (o mensaxeiro sideral), publicación que marcaría un antes e un despois na concepción que se tiña do mundo por representar o colapso da teoría xeocéntrica. Trátase dun breve tratado, o primeiro baseado en observacións astronómicas realizadas cun telescopio, escrito en Latín por Galileo Galilei e publicado en Venecia en marzo de 1610.

Pode que nos guste este ano. O achegamento entre culturas significa achegarse a entender un poco máis a cultura dos demais e facilitar a mutua comprensión dos pobos e das distintas formas de ver a vida... e iso tamén achega as persoas, que falta nos fai.

Se queredes ler algúns costumes curiosos sobre a celebración do fin de ano no mundo, premede aquí.

E agora, aí vai un desexo que nos envía para tod@s unha mestra de primaria do noso cole:

"Xa que 2.010 é un número redondo, estaría ben que o ano novo fose tamén así: esférico, sen arestas, sen caras tristes… E que todo vaia rodando ó noso gusto".

jueves, 17 de diciembre de 2009

NÓS TAMÉN TEMOS UN "PAPÁ NOEL"

Chámase o Apalpador e é un personaxe mítico do Nadal galego (especialmente da zona do Courel, Quiroga, Trives...) perdido e que desde hai un ano está sendo recuperado. Hai outros personaxes similares, por exemplo O olanchero de Euskadi, que substitúen a todos os "clásicos" que traen regalos por Nadal (Santa Claus, os Reis Magos, Papá Noel...).

O seu modo de proceder é o seguinte: a noite do 24 de Decembro (OLLO! PARECE SER QUE NON É ESTA A DATA NA QUE BAIXA, SENÓN QUE O FAI O DÍA 31 !!!, segundo nos avisa a autora do blog coa que enlazamos esta entrada) baixa da súa escura morada para ir visitar aos nenos e nenas galegas, e chega cando están xa durmidos. Apálpalles a barriga para ver se están fartos ou teñen fame (de aí o seu nome). Se o caso é o primeiro di: “Así, así esteas todo o ano”, e déixalle ao neno ou nena unha presiña de castañas. Se, pola contra, están famentos, fica calado e déixalle tamén unha manchea do froito do castiñeiro.

Se queredes saber máis só tedes que ir a:
http://dalleuncolinho.blogspot.com/2009/12/recursos-sobre-o-apalpador.html

miércoles, 16 de diciembre de 2009

Manual de emerxencia da BD

Cerditos de Guinea Comics ven de poñer á nosa disposición o Manual de emerxencia de banda deseñada. É un documento moi interesante para coñecer como se crean os cómics, así que lédeo aquí mesmo, porque temos permiso expreso para editalo no noso blog, ou baixádeo para o voso ordenador desde o enlace seguinte:
http://www.cerditosdeguinea.com/

martes, 15 de diciembre de 2009

Chegan as vacacións de Nadal!


O Nadal chega sempre por Navidad.
Abrídelle a porta, total vai entrar...
(As palabras son dunha profe do cole. O debuxo é de Alex, 3º A ESO).


Outra felicitación de Nadal

E Elvira -bio- felicítanos "a todos os blogueir@s do Castro Baxoi" con esta bonita postal debuxada por ela.

viernes, 11 de diciembre de 2009

Os "nosos" Dereitos Humanos

No cole tamén traballamos cos Dereitos Humanos, así que aquí están. De cada un fixemos un pequeno debuxo, comentario, anotación humorística...
Tamén colgamos carteis sobre os DH violados en moitas partes do mundo, escribimos palabras sobre globos e fixemos textos e debuxos contra a violencia de xénero. Oxalá sirvan para algo máis que para adornar as paredes!

Para ver o noso traballo premede AQUÍ.

Dereitos humanos e poesía

Podemos seguir traballando os dereitos humanos con esta escolma de poesía que nos ofrece o IES de Fene desde a súa Biblioteca.

jueves, 10 de diciembre de 2009

Dereitos humanos

No mes de novembro celebramos dúas datas importantes en defensa dos Dereitos Humanos: o día dos Dereitos do neno (20 de novembro) e o día contra a violencia de xénero (25 de novembro). Hoxe, 10 de decembro conmemoramos a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e temos que recordalo porque aínda non se respetan.
Os globos que o día 25 sacamos á rúa para solidarizarnos contra a violencia de xénero poden servir hoxe para reclamar que todos os seres humanos disfrutemos dos nosos dereitos.


Preme AQUÍ para ver o noso cartel dos globos contra a violencia de xénero

miércoles, 9 de diciembre de 2009

Imos saber máis sobre os dereitos humanos

A Cruz Vermella Española propón coñecer mellor os dereitos humanos a través dun xogo, que podedes atopar no seguinte enlace:


http://www.genmagic.net/derechos/indexfla.swf



Animádevos a xogar!


Declaración universal dos dereitos humanos




Para ler a Declaración Universal dos dereitos humanos, premede AQUÍ

10 de decembro, cumpreanos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos


O 10 de decembro de 1948, a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou e proclamou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, unha iniciativa que lembramos hoxe con algúns dos personaxes de Banda Deseñada cos que traballamos este ano na nosa biblioteca.

martes, 8 de diciembre de 2009

Oitenta anos con Popeye


Hoxe GOOGLE celebra os 80 anos dun personaxe de BD: Popeye, "fillo" do debuxante estadounidense E.Segar, nado hai 105 anos. Este "heroe de papel" fixo famosas as espinacas.
(Premendo no epígrafe verás un vídeo en brasileiro e moitos outros).

sábado, 5 de diciembre de 2009

¿Sabedes o que é un "pop-up"?

Pois aquí tedes un. Poderiamos definilos como libros móbiles, tridimensionais ou algo similar. Seguro que moitos de vós tivestes algún de pequerrechos. Este está deseñado por Kate Davis. A música vaille moi ben xa que se trata dunha historia de amor.

miércoles, 2 de diciembre de 2009

¿ES CAPAZ DE AVERIGUAR O ENIGMA?


O noso club de lectura comezou co xogo dos enigmas (vedes cantas cousas hai nos libros?). Do primeiro, "O enredo de Macario Misterio", xa temos gañador: Constantino, de 4º A ESO. NORABOA!!! O segundo enigma, "O último partido de John McEnroe", tamén o descubriu Constantino (unha máquina!).
O martes -coma sempre faremos- colocaremos o seguinte. Veña, bulide, pensade, dádelle voltas a esas cabeciñas, que aínda quedan moitos e cada vez serán máis complicados!!!
Se queredes ler os enigmas, aquí. están.

jueves, 26 de noviembre de 2009

Concurso "¿Rimos un pouco?"


Durante o mes de novembro estará exposto no vestíbulo principal. Consta de catro paneis cos carteis que fixeron os alumnos e alumnas de todo o centro, dende os máis pequechos ata os de 4º ESO. Na foto vedes os que máis nos fixeron rir, que recibirán un agasallo en Nadal.

miércoles, 25 de noviembre de 2009

Día 25


Celebramos o día contra a violencia de xénero: houbo globos de cores, lazos e, sobre todo, reflexións, pensamentos e ideas para dicir NON á violencia contra as mulleres, vítimas de asasinatos, malos tratos, vexacións... e -segundo din as estatísticas-, cada ano aumenta entre rapazas e rapaces máis novos. ¿Como pode ser? PENSADE e dicídenos a vosa opinión.

jueves, 19 de noviembre de 2009

ESTIVEMOS CON XAVIER ALCALÁ


Todos os de 4º ESO fomos o día 17 á biblioteca do pobo e alí estivemos con Xavier Alcalá, que nos falou de como ser escritores, da constancia, de escribir e tirar ata atopar o que queremos dicir... e tamén da identidade.
Creo que a todos nos gustou porque é un gran comunicador. ¿Non si?

martes, 3 de noviembre de 2009

Encontro con Inés Cuadrado


Esta vez fixemos un encontro con Inés Cuadrado. A xuntanza foi cos nenos e nenas do club de lectura Salicornia e con 4º ESO. Ensinounos a ler en voz alta: xestos, postura corporal, entoación, modulación, vocalización, pausas... ¿Que vos pareceu? Animádevos a contar a experiencia, veña...

domingo, 6 de septiembre de 2009

BENVIDOS-AS


Rematou o verán e xa estamos aquí de novo. Poucos días quedan xa para comezar o curso escolar, así que... ¡ide cargando pilas para entrar cun bo pé! Recordade que seguiremos co club de lectura Salicornia, coa revista Dtodo e con outras moitas actividades que iredes facendo ao longo do curso. Benvidos-as, corazóns! E ¡ánimo co curso que comeza!

viernes, 19 de junio de 2009

ISTO REMATA



E non hai mellor despedida cá "Festa da palabra", o festival de fin de curso no que participa toda a ESO contando historias, recitando poemas, cantando e bailando e, sobre todo, pasándoo moi ben. Este ano Graña organizou a festa arredor dun precioso tema: o mar. Dende aquí, dicímosvos: ¡¡¡Pasádeo -alumnado e profes- moi ben e bo verán a todos!!!

jueves, 11 de junio de 2009

ENTREGA DE PREMIOS


Debuxado por Zaida Velo, 5 anos B

O martes, día 16, no recreo, entregaremos os premios dos concursos de Ex libris e "Debúxame Miño". Os premiados son:

-EX LIBRIS: Claudia e César (4ºA)

-DEBÚXAME MIÑO:
-Categoría infantil: Nuria Beiro (4 anos A) e Zaida Velo (5 anos B)
-Primaria: Sara Porto (3ºB), Alejandro Vázquez (5ºB)
-Secundaria: Juan Picos (2ºB), Andrea Montero (3ºA), Iván Vázquez (4ºA)

Aí vedes un dos debuxos premiados de "Debúxame Miño". ¿Que é e onde está?

sábado, 6 de junio de 2009

Rastrillo solidario

Dentro duns días "montaremos" de novo o rastrillo para axudar aos "nosos" nenos ex soldado da RDCongo. Esta vez teremos "lotes sorpresa" (doados pola miña amiga Rosa, a quen quero tanto e á que mando dende aquí unha enorme aperta) polo módico prezo de
¡¡¡ 1 euro !!! Ide preparando os cartiños...
Poñeremos o posto no cole. Tamén se venderá a revista escolar "Dtodo", por se alguén aínda non a ten.
Bicos, corazóns.

POEMA DO DÍA DO LIBRO


Por fin César rematou o seu debuxo! Traballo lle custou, pero mereceu a pena, ¿verdade? Agora xa o temos na parede do corredor que vai á biblio, ao lado dos carteis do ano pasado. Se queredes ver VERBUM -Vigo-, a casa das palabras onde fixemos a lectura colectiva, pinchade
aquí
.

sábado, 23 de mayo de 2009

¡Xa temos a nosa revista "Dtodo"!


A próxima semana comezaremos a venda da nosa revista escolar, "Dtodo". Xa sabedes que hai que ter UN EURO para comprala e que os cartos son para os nenos ex soldado da RDCongo.
Esperamos que vos guste a todos, este ano hai cousas moi chulas e simpáticas.

miércoles, 6 de mayo de 2009

MOCHILAS VIAXEIRAS

Iniciamos este curso a actividade de fomento da lectura das “Mochilas viaxeiras”.
Este ano as mochilas viaxaron ás aulas, e os libros metidos nelas foron escollidos polos titores en función dos contidos das diferentes asiganturas tratados durante o 2º e 3º trimestre.
Concretamente viaxaron dentro do colexio á clase de 5ºA, e ás aulas de E. Infantil.
A mochila Viaxeira de 5º de EP leva dentro libros de consulta de diferentes temas, según os contidos tratados e os intereses dos alumnos
A Mochila Viaxeira de E. Infantil leva dentro as ACTIVIDADES DE FORMACIÓN DE USUARIOS e os libros relativos a campaña “ Dragóns e Colegas” máis apropiados para a súa idade.

lunes, 4 de mayo de 2009

Outra novela de M. Sandín


ISTO É O QUE O AUTOR ESCRIBE SOBRE A SÚA NOVELA PARA UN PÚBLICO XUVENIL. Despois de ler o comentario de Rosa, igual vos animades a ler as dúas. Din que merecen a pena.

Expediente Pania
Marzo 1st, 2009

Acaba de salir a luz Expediente Pania, novela orientada a un público juvenil que terminé de escribir el verano pasado. Hasta ahora había escrito teatro para niños. Había escrito para adultos, El gusano del mezcal y algún otro título que espera su oportunidad; sin embargo, nunca había escrito una novela para jóvenes, y sentía esa deuda después de convivir con ellos durante veinte años entre las paredes de las aulas, junto a los cristales de los autocares durante los viajes, perseguirlos por los pasillos de los hoteles durante la excursiones… Espero que todas esas experiencias me hayan servido para entenderlos y eso quede reflejado en las páginas de este libro.

jueves, 30 de abril de 2009

LECTURA RECOMENDADA POR UNHA PROFESORA DO CPI CASTRO BAXOI


EL GUSANO DEL MEZCAL
Es un libro que se lee muy rápido (la historia te atrapa enseguida y al acabar te queda una sonrisa de final feliz en la cara. Y no es precisamente el final lo mejor del libro, sino como se cuentan historias dentro de una historia. Historias de gente corriente, demasiado corriente, a la que la vida da una oportunidad que en algún caso es la última.
Rosa Sierra.
Podedes encontrar este libro na biblioteca, na sección de literatura en castelán, de 15 anos en diante.

lunes, 27 de abril de 2009

Día do libro en Vigo


Para celebrar o día do libro, 4º ESO A e B fomos a Vigo, á Casa das Palabras. Acompañáronos os alumnos e alumnas do IES Castro da uz das Pontes. Nunha sala que reservaron as profes, todos lemos No labirinto do vento, de Marina Colasanti e cada un de nós escolleu unha palabra. Con todas elas fixemos un poema de amor durante a viaxe de volta. Mirade que ben nos quedou:

SE EU, TI


Ti, a miña terra, o meu universo,
que cos cantos da barbantesa alumeas os meus versos
feitos con ás de mariposas,
atrápasme no teu bosque do amor
e fasme cantar de felicidade cos teus silencios.

Yo, tu rey.
Tú, mi corza saltarina.
A min xa non me falta nada.
Es a miña princesa,
Ti, tan linda, tan doce.

De repente sonó el laúd,
o mongol tocou o seu corno
e os gnomos detiveron a súa festa.
Entón tivemos o desexo de voar
e perdernos no azul do mar
agarrados ás crinas do unicornio.

Protexereite como a un tesouro
gardado no buraco do meu corazón
onde florecerá a roseira do noso amor.
Gozaremos da nosa mocidade
cabalgando xuntos nas ondas,
escoitando o son dos alegres grilos
e o ruído do bater das mareas nas buguinas
traídas polo mar embravecido.

As túas rosadas caricias
téñenme namorado.
O perfume dos teus bicos
provocan en min un forte ruxerruxe,
como as pisadas dun elefante.

Observo o meu reflexo
na vella lagoa de prata
e o meu corazón, roto
polas coitelas dos ciúmes,
retórcese nun paraíso de rubí
pola altivez das túas palabras.

Nun inmenso lago
vexo o teu precioso sorriso.

A dama reflexada viu a súa alma
en cada un dos azulexos que recubrían
os muros do labirinto do seu corazón.

¡NADA FOI INÚTIL!

martes, 21 de abril de 2009

BUZÓN DE SUXESTIÓNS


O buzón de suxestións xa está colocado na entrada da nosa biblioteca. Podedes deixar alí as vosas peticións: libros, Cds, Dvds...
Mirarémolas e farémoslles caso para ir ampliando coas vosas preferencias os andeis da biblio.

lunes, 20 de abril de 2009

ESTIVEMOS CON...


Os de 4º ESO A e 4º ESO B estivemos na biblioteca do concello con Santiago Jaureguízar, un escritor pertencente ao movemento literario galego coñecido como "Bravú".

¿Que vos pareceu? Gustaríanos que escribisedes un breve texto coas vosas opinións sobre o encontro co escritor.

viernes, 3 de abril de 2009

BIBLIOTECA.FORMACIÓN DE USUARIOS

Os alumnos de E. primaria participaron nas actividades de Formación de Usuarios organizadas pola biblioteca.
A verdade e que todos o pasamos moi ben e ademáis aprendimos moitas cousas.
Aprendimos que significan as cores, e as letras e números das etiquetas dos libros. Traballamos tamén cos números da CDU e co plano da biblioteca , no que poidemos localizar onde se atopan os libros máis apropiados para cada idade.


jueves, 2 de abril de 2009

Boas vacacións


Aproveitade estes días para divertirvos, ler,ir ao cine, pasear, falar cos amigos-as e tamén para ESTUDAR que xa quedan só uns dous meses de curso, corazóns.
Ata a volta, que colocaremos todos os ex libris que fixestes para o concurso e ... ¡que gañe o mellor!

viernes, 27 de marzo de 2009

¡¡¡Xa é primavera!!!


Como no eslogan... pero cambiamos o final: ¡XA É PRIMAVERA NO CASTRO BAXOI! Así nolo recordaron a todos os máis pequerrechos de 3, 4 e 5 anos, os nenos e nenas de Primaria, os rapaces e rapazas de Secundaria e tamén algúns profes. Con poemas, debuxos e sobre todo con moita cor, moita luz e moita alegría, como mandan os canons. (Ah!... ¿que non sabedes o que son os canons, non si? :-) Pois... ¡ídevos bañar! e ¡hala, a buscar no dicionario e a ampliar léxico! que volo preguntaremos...).

martes, 17 de marzo de 2009

CHEGA A PRIMAVERA


Dentro duns poucos días chega a primavera, si. E para celebralo faremos unha exposición con todos os poemas e os debuxos das árbores que fixestes. Os nenos e nenas máis pequerrechos debuxaron unhas árbores preciosas e algúns ata fixeron un textiño entre todos. Tamén poderedes ver o libro das nosas árbores celtas (21 árbores que XA están plantadas por todo o cole grazas aos nenos e nenas de Primaria. O libriño das "nosas árbores" contén poemas de alumnos e profes, debuxos feitos por Angelina e César (4ºESO) e moitas cousas máis. Faremos un cartel para que poidades atopar as 21árbores polo recinto escolar.

sábado, 7 de marzo de 2009

Agasallos de amor


O martes, no recreo, entregaremos un agasallo e faremos unha foto a todos os que participastes na exposición de San Valentín coas vosas palabras de amor e amizade. ¡Así que vide ghuapiños-as para a fotiño!

viernes, 20 de febrero de 2009

ENTROIDO



¿Que tal o pasastes no festival de Entroido?
Houbo de todo: picapedras pequerrechos (preciosos, cun Dino espectacular), un enorme dragón chinés, moitos dragóns de cores, o mago Merlín, rapeiros, hippies,sacos de patacas, un arco da vella bailarín e ata Trancas e Barrancas entrevistando a Amy Winehouse, Paris Hilton... e por suposto Flypy cos seus experimentos delirantes. Ao final, como non, ¡a queima do Entroido!
E o sol que nos acompañou sempre. O malo foi a megafonía... ¿non?

lunes, 16 de febrero de 2009

CAMPAÑA MANS VERMELLAS



O alumnado de 4º de ESO participou na campaña MANS VERMELLAS ( RED HANDS), para dicir NON ao reclutamento de nenos soldado.
Enviamos unha foto para formar parte do libro que se ensinou en New York o día 12 de febreiro. Ensinámosvos as mans vermellas de todos-as e o libro no que había cerca de 250.000 mans vermellas de 43 gobernos.

sábado, 14 de febrero de 2009

Ola a todos-as! Pois pasou San Valentín e no cole fixemos unha preciosa exposición con palabras de amor, amizade, cariño... que os rapaces e rapazas de Primaria e Secundaria elaborastes PRIMOROSAMENTE. Ademais, sempre había unha rosa. E Chus organizou, marabillosamente ben como sempre, a "posta en escea": ramo de rosas, globos, corazóns e ata un trono para namorados. Van dúas fotitos.

lunes, 9 de febrero de 2009

SALICORNIA. BLOG DO CLUB DE LECTURA.

Xa temos un blog para o club de lectura. Intentarei poñer un enlace que funcione na columna da dereita, pero mentres non funciona dexovos aquí a dirección para que o visitedes. Esperamos os vosos comentarios.

www.clubdelecturasalicornia.blogspot.com

viernes, 30 de enero de 2009

Primeira reunión do Club de lectura

Por fin fixemos a primeira reunión do club de lectura. Todo un exito! Creo que todos-as saímos moi contentos-as: pensamos nun posible nome, organizamos a vindeira reunión, convimos en ler catro capítulos de El baile, de Irène Nemirovski, e tamén tomamos un chocolatiño ben rico. Así que aquí tedes unha fotiño.

A fotiño falta porque esquecimonos de pedir permiso ós vosos pais para que sairades aqui retratados tan guapiños-as como sodes.

domingo, 18 de enero de 2009


PARA OS PARTICIPANTES NO CLUB DE LECTURA QUE COMEZA NO NOSO COLE: CELBRAREMOS A PRIMEIRA REUNIÓN O VENRES 23 DE XANEIRO NO RECREO NA SALA DE USOS MÚLTIPLES... ¡¡¡HABERÁ UNHA SORPRESIÑA!!!

martes, 13 de enero de 2009

Rastrillo en favor dos nenos soldado




Como o prometido é débeda... aquí tedes unhas fotitos do rastrillo que fixemos na carpa das pistas os días 10 e 11 de xaneiro. Pasamos moito frío pero... como os resultados foron bos... Tivemos ata cantareiras que nos amenizaron a mañá durante un tempiño.