domingo, 28 de diciembre de 2008

Rastrillo solidario

En decembro comezamos o rastrillo solidario para axudar aos nenos soldado da República Democrática do Congo. Igual có ano pasado e igual cós anos vindeiros... porque seguiremos, non o dubidedes... Esta vez ampliamos o círculo: os días 10 e 11 de xaneiro estaremos na carpa do pobo, con moitas cousas interesantes, non só as feitas polos alumnos senón tamén outras que nos doaron desinteresadamente. Esperámosvos a todos os miñenses. Pasade a noticia. A fins de xaneiro, coincidinco co día da Paz, faremos unha exposición no cole con toda a información dos nenos soldado para que os coñezades e saibades como funciona o proxecto no que estamos implicados-as. Tamén expoñeremos as postais que lles imos enviar despois dese día que nos gustaría que fose realidade: DÍA DA PAZ, 31 DE XANEIRO.
Poñeremos fotitos do rastrillo deses días. E, dentro duns días, tamén poñeremos fotos do rastrillo que fixemos no cole a semana anterior ás vacacións de Nadal. Neses días tamén conseguimos reunir uns 200 euros. Grazas por colaborar.

domingo, 14 de diciembre de 2008

CLUB DE LECTURA

Este curso pretendemos poñer en marcha un club de lectura no noso colexio, dirixido ós alumnos de 2º ciclo de ESO.

FINALIDADES DO CLUB DE LECTURA:
-O obxectivo principal deste club non é a análise exhaustiva da obra literaria, senón o pracer de ler e tamén o de compartir.
-Pretendemos fomentar o hábito da lectura como unha actividade enriquecedora que abre moitas posibilidades para o tempo de lecer.
-Queremos favorecer o diálogo e a comunicación, para que os alumnos-as recoñezan que a lectura non sempre ten que ser un feito solitario (aínda que tamén) e que serve para compartir gustos, inquedanzas, significados, emocións e opinións sobre o lido.
-Gustaríanos crear un ambiente que favoreza o intercambio de opinións e a aprendizaxe do respecto mutuo: saber escoitar e falar, non interromper aos demais, entender que todas as opinións son válidas... e así favorecer a autoestima e a tolerancia.

-Queremos conseguir que se recoñeza a biblioteca como un lugar onde persoas con intereses diferentes se encontran, comparten cousas e participan nas actividades organizadas por esta.

-Pretendemos incrementar o uso da biblioteca e dala a coñecer como un equipamento cultural imprescindible para o desenvolvemento das materias que cursan e tamén como un medio de axuda e como un lugar para solucionar dúbidas.

-Identificar a biblioteca como o lugar de reunión onde persoas que teñen ganas de compartir ideas, experiencias... se xuntan e invitan a outras persoas a facer que ese lugar sexa cada vez máis frecuentado.

-Ampliar o club de lectura con outras persoas da Comunidade escolar en vindeiros proxectos.

-En definitiva, conseguir que a biblioteca se identifique cos valores positivos que tanto estamos necesitando: serenidade, comunicación, reunión, ilusión, aprender, viaxar, coñecer, compartir, diversión, axuda, amizade...

HORARIO E CALENDARIO PARA AS REUNIÓNS PRESENCIAIS:

As reunións terán lugar na biblioteca do centro todos os venres, de 11,15 h. a 11,45 h. sempre que o calendario escolar dos compoñentes o permita. De ter exames, saídas culturais, actividades extraescolares... esta xuntanza trasladarase ao día e hora que se decida entre todos. Tamén pode ser susceptible de ser ampliado se o grupo considera que o ritmo de lectura debe ou quere ser alterado, puidendo convocarse unha reunión extra en calquera momento que haxa un “oco” e que os lectores así o demanden.

ACTIVIDADES PROGRAMADAS:
-A primeira consistirá na entrega dunha ficha na que se expliquen os datos máis importantes: en que consistirá o Club de lectura, intencións, SiS e NONS... que entregaremos a todos os membros. (Achegamos un modelo de “folla voante”)